IG233 – Galicia rural emprende – Creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais (2018)
Finalidade / Obxectivo
Serán subvencionables os proxectos dirixidos á creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación e desenvolvemento de novas actividades económicas non agrarias viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sostenibilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.
Tipos de apoio
Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva e amparada no réxime de minimis. A axuda terá carácter de pago a tanto alzado.
Beneficiarios potenciais
a) Os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.
A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.
Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.
b) As microempresa e pequenas empresas de nova creación ou que inicien unha actividade distinta á que tiña no momento da solicitude da axuda.
c) As persoas físicas que residan nunha zona rural e que creen unha nova empresa ou que inicien unha actividade distinta á que tiña no momento da solicitude da axuda.
Para estes efectos considerarase zona rural o territorio elixible segundo o previsto no artigo 1.1. destas bases reguladoras.
Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica. Para o caso das sociedade civís, poderán ser beneficiarias aquelas que acrediten constitución en escritura pública e inscrición no Rexistro Mercantil.
Non se concederán axudas a empresas en crise.
Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.
Non poderán ser beneficiarias as empresas que operan no sector da pesca e da acuicultura.
Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades nas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei de subvencións de Galicia ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei de subvencións.
Non poderán ser beneficiarias as persoas físicas non empadroadas no medio rural, condición que se verificará no momento da solicitude e que debe cumprirse ata o fin do prazo de execución do proxecto fixado na resolución de concesión.
Sectores incentivables
Con carácter xeral serán subvencionables as seguintes actividades:
a) Obradoiros e fábricas destinados á produción de bens e materiais.
Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.
b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE).
c) Prestación de servizos en calquera sector económico (agricultura, silvicultura, sector industrial e de servizos, …).
d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola…).
e) Actividades de lecer, recreativas e deportivas.
f) Artesanía e actividades artesanais.
g) Actividades baseadas nas novas tecnoloxías da información e da comunicación (TICs), innovación tecnolóxica e comercio electrónico
h) Actividades nos sectores da enxeñería, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, contabilidade, veterinaria.
i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.
j) No sector da restauración turística, exclusivamente a creación de novos restaurantes situados en construcións patrimoniais senlleiras (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros ) e que vaian ofertar unha cociña baseada na gastronomía galega tradicional ou que con ese substrato propoñan técnicas innovadoras ou fusións con outras gastronomías do mundo.
Para estes efectos, entenderase que existe unha nova actividade cando non coincida coa actividade preexistente a nivel de tres díxitos da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE), e os gastos e/ou investimentos derivados da súa posta en marcha estean claramente vinculados á nova actividade.
Non se considera que existe nova actividade se a persoa física ou calquera dos socios dunha peme desenvolvese a mesma actividade por conta propia nos 12 meses anteriores á data da solicitude de axuda.
Non poderán ser beneficiarias as empresas que operan no sector da pesca e da acuicultura.
Requisitos principais do proxecto
Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Non ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda.
b) Os gastos e/ou investimentos incluídos no plan de negocio que deberá presentar o solicitante terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.
c) Será obrigatoria a creación dun mínimo de 1 emprego, ben sexa por conta propia ou indefinido por conta allea. A creación de emprego considerarase en unidades UTA. Para estes efectos, considérase (UTA) unha unidade de traballo anual, e equivale ao traballo dunha persoa na empresa en cuestión ou por conta da dita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, computarase como fraccións de UTA.
O plan de negocio que amose a viabilidade da iniciativa, axustarase aos contidos definidos no formulario electrónico de solicitude de axuda.
Cualificación requerida do proxecto
1. A axuda terá carácter de pago a tanto alzado e concederase pola execución dun Plan empresarial ou Plan de negocio que terá unha duración de 18 meses.
2. Os solicitantes haberán de presentar un Plan empresarial ou Plan de negocio que mostre a viabilidade da iniciativa. O plan poderá comezar a aplicarse desde o día da solicitude de axuda e como máximo dentro dos nove meses seguintes á data en que se adopte a decisión pola que se concede a axuda. Deben ser proxectos viables financeiramente e axustarse á normativa sectorial correspondente (comunitaria, estatal e autonómica) e o promotor non debe estar suxeito a situación ou procedemento xurídico e/ou administrativo que o inhabilite para poder optar á subvención.
3. Dependendo da natureza e da magnitude da actuación proxectada, e con maior extensión e concreción en función destes principios, deberá incluírse un capítulo específico sobre problemas relacionados co cambio climático, centrado nas medidas de mitigación e adaptación que se adoptarán.
4. As operacións non deben estar iniciadas na data de presentación da solicitude e deben desenvolverse no ámbito xeográfico das zonas definidas como rurais de Galicia. Ademais deben ser finalistas e cumprir os obxectivos para os que foron aprobados no momento da certificación final, non admitíndose fases de
proxectos.
Poderán ser beneficiarios da axuda os proxectos que acaden un mínimo de 30 puntos de acordo co seguinte baremo xeral (puntuación máxima 100 puntos):
a) O sector de actividade a que se dirixe o proxecto (máx. 20 puntos). Aos proxectos dos sectores relacionados no anexo III destas bases asignaránselle 20 puntos; resto de actividades 0.
b) O valor engadido medio xerado pola actividade económica en que se vai encadrar o proxecto (en función da ratio asignable a cada sector de actividade a 2 díxitos), segundo as táboas indicadas no anexo IV destas bases (máx. 20 puntos).
c) Compromiso de creación de emprego (máx. 25 puntos). Outorgaranse 5 puntos pola creación de cada novo emprego en termos UTA – por conta propia ou indefinido por conta allea.
d) Achega económica prevista por parte dos promotores ao proxecto en relación ás necesidades financeiras globais (máx. 25 puntos).
e) Potenciación da exportación que poida supor a actividade (máx. 10 puntos). Os proxectos que contemplen no plan de negocio inicio de exportación de produtos/servizos ou incrementos dos mesmos obterán 10 puntos.
Investimentos ou gastos computables
Serán elixibles os investimentos materiais e inmateriais contemplados no Plan de negocio, coas seguintes consideracións respecto das seguintes partidas:
a) Adquisición de terreos. Máximo un 10% do total de custos elixibles.
b) Adquisición de inmobles, que só poderán ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto. O seu importe non superará o 50% da base elixible.
c) Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, suxeitos aos módulos máximos que se achegan como anexo V.
d) Bens de equipamento: maquinaria de proceso, equipamentos informáticos, mobiliario, instalacións específicas para a actividade subvencionable, elementos de transporte, e equipos de protección do ambiente.
Os bens e equipamento de segunda man, sempre que:
1º Esté expresamente recollido no PDR de Galicia 2014_2020.
2º Non foran obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.
3º O prezo non sexa superior ao valor de mercado e sexa inferior ao custo dos bens novos similares, para o que deberá achegarse certificado de tasador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.
e) Activos inmateriais, tales como adquisición de dereitos de patentes, licencias, Know how e coñecementos técnicos non patentados, aplicacións informáticas (excluídas as licenzas en sistemas operativos e aplicacións de ofimática).
f) Custos de funcionamento: custos de explotación, custos de persoal, custos de formación, custos de relacións públicas, custos financeiros, custos de rede.
g) As contribucións en especie, en forma de provisión de obras, bens, servizos, terreos e bens inmobles polos que non se efectuara ningún pago en efectivo documentado con facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, sempre que:
1º O valor e a execución da contribución poidan avaliarse e verificarse de xeito independente.
2º O valor atribuído ás contribucións en especie non exceda dos custos xeralmente aceptados no mercado de referencia.
3º O apoio público aboado á operación que inclúa contribucións en especie non exceda do gasto subvencionable total, excluídas as contribucións en especie, ao final da operación.
4º No caso de que se acheguen terreos ou bens inmobles, poida efectuarse un pago en efectivo a efectos dun contrato de arrendamento cuxo importe nominal anual non exceda dunha única unidade da moeda do Estado membro. O valor dos terreos ou bens inmobles deberá estar certificado por un experto independente cualificado ou organismo debidamente autorizado e non exceder do 10% do gasto total subvencionable da operación de que se trate.
5º No caso de contribucións en especie en forma de traballo non retribuído, o valor dese traballo se determine tendo en conta o tempo dedicado verificado e o nivel de remuneración por un traballo equivalente.
h) Con respecto aos gastos xerais do proxecto (honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento, sobre a sostibilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade) suporán como máximo un 12% do total de custos elixibles.
i) Considéranse elixibles os custos notariais derivados da certificación do non inicio da actividade, no caso de proxectos que contemplen investimentos (obra civil).
Contía das axudas
1. A axuda consistirá nunha prima cuxa contía básica establécese en 20.000 euros, e que poderá incrementarse ata un máximo de 70.000 euros nas seguintes situacións:
a) De acordo ao seguinte rango de gasto e investimento admisible:
1º De 20.000 a 30.000 : incremento sobre a prima básica de 12.500 euros.
2º De 30.001 a 40.000 : incremento sobre a prima básica de 17.500 euros
3º De 40.001 a 60.000 : incremento sobre a prima básica de 25.000 euros
4º De 60.001 a 80.000 : incremento sobre a prima básica de 31.500 euros
5º De 80.001 a 100.000 : incremento sobre a prima básica de 40.500 euros
6º Maior de 100.000 : incremento sobre a prima básica de 45.000 euros
b) Creación de emprego indefinido (mínimo 1 emprego UTA). A creación de emprego debe ser adicional, ademais da man de obra correspondente ao beneficiario da axuda: 20.000 euros.
c) Ubicación nunha zona con limitacións naturais ou outras limitacións específicas relacionadas no anexo VII das bases reguladoras: 5.000 euros.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses a contar dende o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Incompatibilidades
1. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, polo tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo proxecto ou finalidade leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros, …).
Coa excepción anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública coma privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100 % do importe elixible do proxecto.
Referencia lexislativa
Resolución do 29 de decembro de 2017 (D.O.G Nº 18 do 25 de xaneiro de 2018)-Bases reguladoras e convocatoria 2018.
Información e tramitación en
INFORMACIÓN:
– Nas oficinas territoriais do IGAPE
– No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
– A través de www.igape.es ou en informa@igape.es
TRAMITACIÓN:
Os interesados deberán cubrir un formulario descritivo do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.
O plan de negocio estará integrado no formulario electrónico de solicitude de axuda.
Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica.
As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) Para todas as solicitudes:
1º Certificado de vida laboral á data de solicitude de axuda dos promotores (persoas físicas) e no caso de sociedades de todos os socios.
2º Declaración responsable do representante legal da empresa de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda, que se deberá cubrir no formulario de solicitude.
3º No caso de proxecto que contemple investimentos en obra civil, deberá de achegarse:
i) Acta notarial de presenza ou control sobre o terreo ou certificado do técnico responsable da dirección de obra, que acredite que na data de solicitude da axuda non se tiñan iniciado os investimentos.
ii) Proxecto técnico visado elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de que sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.).
iii) Documentación técnica (proxecto técnico, memoria, ) referida ao acondicionamento do local precisa para realizar a comunicación previa de actividade, ou acreditación do concello de conforme non se require documentación algunha para a posta en marcha da iniciativa, no caso de proxectos de execución de obras ou instalacións menores.
iv) No caso de proxecto que contemple investimentos en obra civil en local arrendado, contrato ou pre-contrato de aluguer a nome do titular do expediente, no que se faga constar que o local se destinará ao fin concreto para o que se solicitou a subvención. A duración do contrato debe ser dun mínimo de 5 anos desde a data de finalización do proxecto.
4º Para poder atender a axuda Feader, as operacións de investimento irán precedidas dunha avaliación do impacto medioambiental previsto de conformidade coa normativa específica aplicable a este tipo de investimentos cando poida ter efectos nocivos para o medio ambiente.
b) Para sociedades xa constituídas:
1º Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, e modificacións posteriores de ser o caso.
2º Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
3º Informe do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta na empresa, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
4º Últimas contas depositadas no rexistro correspondente, relativas ao exercicio 2017 ou, de ser o caso, ao exercicio 2016, e última memoria anual de actividades aprobada pola entidade, en que figure o número de empregados do último exercicio pechado, o volume de negocio e o balance xeral.
c) Para sociedades en constitución:
1º Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.
2º Proxecto de estatutos da sociedade, o cal se debe xuntar como documento ao formulario de solicitude.
Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade no prazo máximo dun mes desde a presentación da instancia de solicitude no Igape. Para tal fin, a documentación establecida no artigo 7.2.b) anterior terá que ser presentada no Igape dentro de dito prazo. De non ser presentada ou se a documentación presentada fose incorrecta, e logo de requirimento para a súa emenda no prazo de dez días, o Igape arquivará o expediente.
d) Para membros de unidades familiares dunha explotación agrícola:
1º Acreditación da inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agraria de Galicia.
2º Acreditación da cualificación de Explotación Agraria Prioritaria.
3º Acreditación do grao de parentesco co titular da explotación.
e) Para sociedades civís: escritura de constitución e a súa inscrición no Rexistro Mercantil.
Observacións
O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será o 30 de xuño de 2018.
O prazo máximo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de novembro de 2019, e o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 10 de decembro 2019.
O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobro da primeira cota da axuda concedida (60%) como máximo o 31 de outubro de 2018 para o exercicio 2018 e como máximo o 31 de marzo de 2019 para o exercicio 2019.
http://www.igape.es/gl/base-xeral-de-axudas/ficha/IGAP341